Entrevistas
15 de febreiro de 2013
Julio Delgado: 'Tres puntos co Zaragoza serían moi importantes antes de medirnos aos tres grandes'

O Burela FS Pescados Rubén xa albisca as primeiras curvas no calendario. Mañá recibirá en Vista Alegre o Umacón Zaragoza (18.30 horas), sétimo clasificado, nunha xornada de suma transcendencia antes de internarse na pelexa co todopoderoso podio. “Tres puntos co Zaragoza serían moi importantes para medirnos despois aos tres grandes. Daríannos certa tranquilidade para recibir a FC Barcelona e ElPozo e visitar a Inter” aseguraba o técnico, Julio Delgado.


Os aragoneses afrontan a 17ª cita de Primeira na Mariña con dúas vitorias consecutivas e a motivación extra de vir de impoñerse por 8-4 ao intratable Barça: “Ese resultado dío todo sobre o incrible potencial do rival; 8 goles non os marca calquera a unha institución do fútbol sala e máis a tan só uns días de volver verse na Copa de España “ sinalou Julio Delgado.


A liña argumental dos laranxas para desartellar o Umacón será fiel ao espírito de Vista Alegre. “A imaxe amosada no último partido na casa, con Marfil, dános moral para sacar adiante con garantías esta cita” dixo o adestrador, que tamén destacou a reacción e o comportamento do equipo ante o Triman, a pesar do resultado adverso: “Soubemos manexar situacións que noutras ocasións se nos escapaban. As nosas opcións no marcador mantivéronse ao longo de todo o encontro; despois dunha primeira parte moi efectiva e a pesar de despregar o mesmo esforzo, na segunda frouxeamos pero máis quizais por méritos do rival, que intensificou a presión, que por deméritos nosos“ analizou o laranxa.


“Estámonos xogando a vida en cada partido e hai que demostrar que merecemos seguir ascendendo. Vista Alegre faise unha pista complicada para calquera. Agora temos máis profundidade e gol e no aspecto defensivo somos máis sólidos; temos que aproveitarnos das nosas armas para que o Zaragoza saiba desde o primeiro minuto que lle será moi difícil atopar o gol en Burela” adiantou Julio.


A convocatoria burelista estará composta por Edu, Mimi, Iago Míguez, Enrique, Isi, Juanma, Matamoros, Christian, Iago Barro, Hugo, Nacho Pedraza e Cesinha.


Entroido Laranxa. A festa carnavaleira continuará co Burela FS Pescados Rubén este sábado, con entrada gratuíta para todas as persoas disfrazadas. De festexo para a cita ante os zaragozanos tamén estará a peña A Pataca Naranxa, que reunirá os seus socios/as nun xantar tradicional na honra de Don Carnal, no restaurante burelao O Sargo (15.00 horas), para ir quentando motores para o espectáculo futbolístico.



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores