Entrevistas
15 de febreiro de 2013
Lidia: 'Imos competir ata o final por alcanzar o soño da liga'

O Burela FS Pescados Rubén defenderá a primeira praza este domingo na pista do Diamante La Rioja (Palacio dos Deportes, 13.00 horas), no fondo da táboa. A ilusión, pero tamén a realidade e a concentración, reinan no vestiario laranxa para seguir medrando. “Sabemos que a liga é un reto difícil, pero imos competir ata o final por alcanzar o soño” afirmaba Lidia Mesías, responsable de poñerse a guinda ao pastel da vitoria ante o Ponte Ourense (4-2) a semana pasada.


“A nosa principal meta nestes momentos é vencer nas dúas próximas xornadas, a domicilio, Diamante e Soto”, explicou Lidia coa intención de seguir mantendo a fenda cos perseguidores e co desexo de regresar o máis axiña posible a Vista Alegre porque “estamos encantadas de ver a tanta xente con nós; a afección é moi importante para nós, motívanos e fainos ser mellor xogadoras e mellor equipo”.


Precisamente, as laranxas saltarán á pista rioxana coñecendo xa o desenlace da cita entre o seu rival máis directo, Atlético de Madrid Navalcarnero (39 puntos), e o Valladolid (4º, 34), unha información á que Lidia lle resta importancia: “O noso obxectivo é conquistar a vitoria en Logroño e debemos abstraernos do que fagan os nosos rivais. Dependemos de nós mesmas e por iso debemos estar concentradas ao cento por cento no noso partido”.


As rioxanas esperan a 19ª xornada de Primeira na antepenúltima praza (13 puntos), con dúas derrotas consecutivas e con tan só unha vitoria (Orvina 7-2) e un empate (Centelles 2-2) nos últimos seis enfrontamentos. No entanto, Lidia é cauta: “Non podemos pecar de exceso de confianza pola súa situación na táboa” advertía a ala ferrolá, destacando “a calidade e competitividade das rivais como atributos que se reafiman na súa pista”.


Dolo será seria dúbida por unha sobrecarga lumbar, que lle está impedindo adestrar con normalidade.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores