Entrevistas
26 de febreiro de 2013
Juanlu: 'Teremos tempo para traballar e mellorar de cara aos enfrontamentos directos'

Con nove partidos por diante para o remate ligueiro, o Burela FS Pescados Rubén estrea dirección técnica para emprender o voo da permanencia e seguir tendo o orgullo de representar o fútbol sala de elite na Mariña. Abandeirados polo experimentado Juan Luis Alonso Doral, Juanlu, afrontarán o reto Juanma, Edu, Mimi, Iago Míguez, Enrique Cánovas, Isi, Matamoros, Christian, Silva, Iago Barro, Hugo, Nacho Pedraza e Cesinha.


FC Barcelona (2 de marzo) e ElPozo Murcia (16 de marzo), en Vista Alegre, e Inter Movistar (9 de marzo), a domicilio, compoñen o horizonte máis inmediato para os laranxas. “Son realista, pero tamén optimista e construtivo. Gustaríame non ter que medirme a eles, pero aínda que non é o mellor momento é preferible que sexa cantos antes, así teremos tempo para traballar e mellorar de cara aos enfrontamentos directos”, facía referencia así Juanlu á visita crucial dos laranxas ás Canarias (21ª xornada), unha vez superada a tríade do podio.


Ante a complexa cita do sábado Juanlu amosou coraxe e serenidade. “Non podemos saír vencidos. A nosa aptitude debe ser a de non regalar nada e intentar sumar“ puntualizaba o madrileño sobre a visita do FC Barcelona Alusport (Vista Alegre, 19.30 horas), que vén de validarse como campión da Copa de España por terceira edición consecutiva.


“O factor tempo é determinante. O máis importante é que o equipo asimile os conceptos que quero canto antes, que se empape da filosofía de xogo. Debemos construír os cimentos con celeridade para chegar preparados aos encontros clave” incidía o novo técnico burelista na súa primeira semana á fronte do vestiario mariñán.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores