Entrevistas
28 de febreiro de 2013
Fran: 'Vestirei de curto en Burela'
Foto: todocoleccion.net

O ex–xogador internacional do RC Deportivo de La Coruña, Fran González, recibirá unha homenaxe do CD Burela FS Pescados Rubén o sábado pola súa traxectoria. “Vestirei de curto, que é como máis cómodo me sinto” admite Fran, que compartirá unha sesión en Vista Alegre co alumnado laranxa e doutros puntos da comarca, a partir das 12.45: “O mes máis feliz do ano para min coincide co traballo de base, no Campus Fran, durante o verán. Disfruto moito cos rapaces; o sábado trataremos algunhas nocións de fútbol e fútbol sala e despois divertirémonos cunha pachanga“ explicou o futbolista, que despois tamén protagonizará unha sinatura de autógrafos.


O ex do Superdépor confesouse “especialmente encantado” por converterse en socio honorífico da entidade laranxa, cuxa acreditación lle será entregada coincidindo co Burela FS-FC Barcelona (Vista Alegre, 19.30): “Estou moi agradecido co Burela FS. É unha marabilla que se acorden de un sempre, pero este recoñecemento ten un significado especial. Os meus comezos estiveron no fútbol sala, un deporte ao sempre lle tiven respecto e cariño, que ademais considero a base do futuro do fútbol”.


Esta non será a primeira visita de Fran á Mariña. “Dende hai dous ou tres anos coñezo moi ben Galicia, percorrín moitos centros de ensino cun ciclo informativo de Deporte e Alimentación. Non obstante, a xornada do sábado en Burela poderei dar un paso máis, compartir cos rapaces o deporte, estar na pista” explicaba Fran.


Apoio ao Dépor


Ante a difícil situación que atravesa o Dépor, Fran lanzou unha mensaxe de apoio, agradecendo a resposta da afección. “A situación do club é límite, tanto económica coma deportivamente. Dentro dun par de semanas coñecerase a débeda real e o posible plan de viabilidade. Teremos que estar todos xuntos parar axudar e que o equipo se manteña en Primeira; aí é onde pode estar a salvación. A afección está dando unha lección de fortaleza e fe e todos os veteranos do Deportivo tamén estamos aí, xa o dixemos mil e unha veces, para o que se precise”.



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores