Entrevistas
26 de marzo de 2013
Un partido de máis de tres puntos

A felicidade é absoluta no seo do conxunto masculino do Burela Pescados  Rubén. Tras rabuñar dous puntos en senllos empates ante o Inter Movistar e ElPozo Murcia, os de Juanlu Alonso venceron o Gáldar a domicilio, «nun partido de máis de tres puntos», e case empezan a saborear o pracer da permanencia en Primeira. «Era un partido moi importante, trouxemos a vitoria contra un rival directo e estamos moi contentos porque sabiamos que era unha especie de final», analizou Christian, o autor do solitario tanto que lle deu o triunfo aos burelenses en terras canarias.


«Eramos conscientes de que nos xogabamos máis de tres puntos, porque supoñía sumar nós e que o Gáldar non o fixese. Eles agora teñen un calendario moi complicado, xa que xogan contra os tres grandes e dous equipos de play off. Talvez sumen algún punto, pero vano ter difícil e creo que nós coa vantaxe de catro puntos sobre eles e cinco sobre o Puertollano témolo case feito», valorou o viveirense. Christian destacou o gran traballo que volveron realizar no plano defensivo: «Estivemos moi serios outra vez e en ataque tamén creamos ocasións, aínda que non tivemos a sorte doutras días. De todos os xeitos, sacamos os tres puntos, que era o obxectivo principal», indicou.


O ala mariñán tamén está moi satisfeito coa súa actuación persoal. O seu sexto gol da campaña por fin serviu para sumar puntos: «Estou moi contento de poder axudar o equipo e de que o adestrador conte comigo. O gol é o de menos, porque o mérito é de todo o equipo. Estamos adestrando moi forte e todos achegamos algo, xa sexa durante a semana ou nos partidos».


 


FONTE: La Voz de Galicia

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores