Entrevistas
2 de maio de 2013
Lucía: 'O Roldán seguro que non nos regala os tres puntos'

Unha das xogadoras con máis peso e minutos na rotación do Burela FS Pescados Rubén é a ala-peche Lucía Nespereira (Ourense, 1986), que cumpre a súa cuarta tempada no conxunto dirixido por Javier Pardeiro. A ourensá só perdeu un partido esta tempada "por precaución, debido a que arrastraba problemas físicos" e partiu de titular nos outros 25 encontros.


- Contra o Ciudad de Alcorcón custoulles, pero finalmente non sufriron tanto como diante do Cidade das Burgas.


-Si, contra As Burgas sufrimos porque elas se puxeron moi rápido cun 4-1, pero o sábado pasado foi un partido moi intenso de principio a fin e demostrouse que nos mediamos dous equipos da zona alta da clasificación. Ademais, elas sabían que a presión a tiñamos toda nós e os equipos cando veñen a Burela intentan sempre saír o máis forte posible para aguantar o noso inicio e ás veces cústanos facernos co dominio do partido.


-Que tal está o equipo?


-Coa vitoria por 5-1 diante do Ciudad de Alcorcón creo que saímos reforzadas, xa que era un partido que tiñamos sinalado no calendario como moi difícil.


-O penúltimo rival, o Roldán, non se xoga nada, pero non lles poñerá as cousas doadas.


-Estou convencida de que non nos van regalar os tres puntos. Por unha banda, é a súa última oportunidade de facerse notar esta tempada quitándolle puntos a un dos equipos que loitan polo título, algo que pode ser un aliciente para elas. E, pola outra, o partido de Burela pasárase a un domingo por coincidir cun encontro do equipo masculino e cadrara o día antes da Noiteboa, polo que se cadra teñen algo de resentimento cara a nós por ter que vir desde Murcia un día antes dunha data tan sinalada e pode que nolo queiran devolver.


- Como encaran este encontro?


-Nós imos a Murcia pensando en gañar e que o partido nos sirva de preparación para a guerra deportiva que vai ser o encontro contra o Atlético de Madrid Navalcarnero. Pero non o vemos como un trámite, senón como tres puntos difíciles que hai que sacar para depender de nós mesmas no noso derradeiro partido de Liga.


-Cre que o Ponte Ourense lles pode botar unha man este sábado puntuando na pista do Navalcarnero?


-Non miramos o que fai o Atlético de Madrid, porque dependemos de nós, pero é certo que creo que o partido contra o Ponte Ourense non vai ser un paseo para elas, xa que as ourensás necesitan gañar para seguir tendo opcións de meterse na Copa de España.


 


FONTE: La Voz de A Mariña



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores