Entrevistas
2 de agosto de 2013
Hugo: 'Gústame o xogo vistoso e de ataque'

A punto de arrancar coa pretempada, Burela vaise tinguindo de sentimentos laranxas. Unha das primeiras incorporacións para 2013-14 -formalizada en xuño-, Hugo Bernárdez (Madrid, 1986), xa ten a súa residencia na Mariña. O presidente, Manuel Blanco, e o directivo laranxa e fundador de Frenos Carpe, Carlos Neira, recibiron onte o ala capitalino na devandita empresa colaboradora para a súa presentación oficial.


“Dende o comezo pareceume un proxecto moi interesante, sobre todo despois de falar con algúns dos que serán a partir de agora os meus compañeiros. Agradezo a confianza que deposita en min tanto ao club como ao adestrador para formar parte deste equipo, con xente da casa e incorporacións de fóra de calidade contrastada”. O novo 9 do CD Burela FS Pescados Rubén súmase ao proxecto “con moitas ganas”. “Aínda que non me considero un goleador, gústame o xogo vistoso e de ataque. Veño con ilusión de reivindicarme a min mesmo, de dar continuidade, xa dende pretempada, ao bo final de 2012-13 que vivín con Santiago Futsal” dixo Hugo, que conseguiu pechar un excelente play off nas filas compostelás despois dunha lesión que lle impediu gozar de boa parte da liga.


O madrileño, con bagaxe en Carnicer, Inter, Pinto, Zaragoza…, confía na rápida aclimatación á filosofía laranxa: “Xa compartín vestiario con Matamoros en varios equipos e con Álex en Santiago e o resto son vellos coñecidos; coincidín con moitos como rivais nas pistas de Prata, xogadores de bo potencial e excepcional calidade deportiva e humana. Ademais disporemos dun adestrador que nos fará todo máis doado”. Tamén amosa optimismo para a liga: “O inicio será bastante importante e sobre todo o da segunda volta, que confirmará se o bloque conseguiu a cohesión necesaria para asentarse. Por riba das incorporacións o máis importante é que saia un bo conxunto e o proxecto está orientado para iso; creo que poderemos optar a todo”, reflexionou Hugo, que cualificou 2013-14 como a tempada da recompensa para a bancada burelista: “Os afeccionados serán, coma sempre, o alento de todos os partidos na casa, van sumar moito nas vitorias; eu xa o vivín como rival. Anímoos a que sigan así porque vai merecer a pena. Esperamos que todo o apoio que sementaron outros anos o poidan recoller este con éxitos deportivos”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores