Entrevistas
4 de febreiro de 2014
Lara: 'Síntome máis segura cada vez que salto á cancha'
Foto: A Caixa Escura

Lara colle galóns no equipo feminino do Burela FS Pescados Rubén. A súa cotización no vestiario laranxa deu un salto considerable porque xa decide partidos e é unha rotación fixa para Quico Otero, e a xogadora viveirense adáptase ao novo papel a base de goles e, segundo di, co agarimo que recibe tanto do técnico como do resto das guerreiras laranxas. “Para progresar é imprescindible que o adestrador e as compañeiras confíen en ti, sentirse valorada. Iso téñoo, por iso me sinto máis segura cada vez que salto á cancha”, asegura.


En boa medida, a Lara débelle o Burela os tres puntos sumados fronte ao Soto del Real (2-3) na última xornada de Primeira División. Abriu o marcador na primeira metade e volveu poñer por diante o seu equipo cando peor pintaban as cousas. “É verdade que nos entrou un pouco a ansiedade cando elas nos empataron porque nos acordamos do que pasou no partido do Vista Alegre, pero ata entón non pasaramos por moitos apuros. Sería moi inxusto que nos deixamos algún punto”, explicou Lara, “feliz” polos seus novos tantos e, sobre todo, pola vitoria. “Dá igual quen marque os goles”, engade.


Sobre a encarnizada loita nas primeiras posicións, Lara non ten dúbidas de que o líder fallará tarde ou cedo. “Se cadra o Atlético de Madrid pincha onde menos o espera. O ano pasado fíxoo ante o Amarelle...”, sentencia.


FONTE: La Voz de Galicia

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores