Entrevistas
26 de maio de 2017
Mini: 'O noso obxectivo era facelo o mellor posible, sen pensar en títulos'

A Alejandro García Alonso (Ferreira do Valadouro, 1998), máis coñecido como Mini, tócalle colgar a camiseta de capitán do equipo xuvenil de Pescados Rubén Burela FS, despois dunha gran tempada: “Foi un ano moi bo; comezamos a adestrar a mediados de agosto. A base de traballo diario ao final acabamos gañando a liga. O noso obxectivo era facelo o mellor posible, sen pensar en títulos, e ao final saíunos moi ben, coa liga e podendo gozar do Campionato de España”.



O mariñán, que chegou á base laranxa na categoría alevín, bota a vista atrás, na súa despedida como xuvenil: “En todos estes anos aprendín moito e levo moitos amigos. Esta tempada foi a mellor de xuvenil; tiven máis cabeza, intentei facelo mellor dando exemplo e apoiando os compañeiros, sobre todo os máis novos. Para min foi un orgullo compartir isto con todos os compañeiros e co corpo técnico, Mario, Fustes e Jairo”.


“Para min o fútbol sala é o meu día a día, se non teño que adestrar, na casa vexo vídeos, cos amigos falo sempre de fútbol sala, sobre todo con Renato e Hélder. Para min o importante é xogar, grazas aos meus compañeiros tamén podo ser mellor. Gustaríame seguir aquí gozando deste deporte”, así vive o fútbol sala Mini, do que os técnicos de base destacan o 1 contra 1 e a intelixencia táctica entre as súas habilidades.


O xuvenil laranxa tamén puido gozar da Selección Galega no Campionato de España do País Vasco: “Foi unha experiencia moi bonita coa que non contaba pola aparición dunha lesión. Unha semana antes do campionato déronme a alta médica e o seleccionador quixo contar comigo”, explicaba o mariñán.


Este sábado, Mini dará un paso adiante; compartirá vestiario e pista co equipo sénior, no amigable solidario de Pontedeume en favor de Una Cura para Adri, despois de varios meses de adestramento con eles: “Desde que chegou Tomás empecei a adestrar co masculino; intento aproveitalo ao máximo aprendendo dos mellores e poñéndoo en práctica na miña categoría. Espero contar con algún minuto mañá en Pontedeume” puntualizaba o mariñán.



 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores