Entrevistas
24 de xullo de 2017
Pitero: 'Vou dar todo de min para ter cabida no equipo sénior'

Christian Rivas García (Burela, 1999) comeza o seu terceiro e último ano como xuvenil do Pescados Rubén Burela FS cunha grande oportunidade por diante. “O fútbol sala é a miña vida. Co fútbol sala desconecto de todo; só penso en xogar. Este ano vou dar todo min para poder ter cabida con algún minuto no equipo sénior”, confesaba o ala-peche mariñán, que realizará a pretempada co equipo de Juanma Marrube, co 7 de agosto como inicio oficial.


A que se achega non será a primeira vivencia de Pitero co conxunto sénior e volverá afrontar o reto, moi consciente das esixencias da categoría e da competición: “É un cambio moi grande, sobre todo, fisicamente. En maio puiden xogar minutos no amigable de Pontedeume; foi unha experiencia inmellorable para aprender. Quero aproveitar esta pretempada para demostrar do que son capaz e de que podo chegar a ir convocado; o ano pasado creo que non estiven á altura” explicaba o burelista, recoñecéndose máis maduro.


Despois da gran tempada 2016-17, Pitero aposta por unha nova liga repleta de ledicias na súa despedida como xuvenil: “Espero pelexar por unha nova liga; fóronse dúas referencias do equipo pero tamén chegan rapaces novos, así que pelexaremos por todo”. “Ao longo do ano vimos que as nosas posibilidades se incrementaban, aínda que tamén houbo momentos non tan doados. Chegamos á última xornada con toda a emoción; a vitoria ao Vigo na casa foi o broche da gran tempada alzando o título de División de Honra” lembraba cun sorriso a promesa laranxa, destacando entre os seus mellores recordos futbolísticos o recente título de campión de España da CNFS coa Selección Galega xunto a Nito e Edmilson e baixo a dirección de Juanma Marrube e Christian Fustes e, como non podía ser doutro xeito, o privilexio da convocatoria con España Sub-19 hai dous anos: “Foi unha gran sorpresa e unha experiencia moi enriquecedora, pero tamén moi esixente. Oxalá o poida repetir algún día” confesa así en voz alta Pitero os seus soños.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores