Entrevistas
25 de agosto de 2017
Luisma: 'Todos temos a ilusión de recuperar a categoría'

A ampla experiencia do pivote Luis Martínez Somalo (Logroño, 1988) na elite será outro dos ingredientes no novo proxecto do Pescados Rubén Burela FS en Segunda. “Todos temos a ilusión de recuperar a categoría. Como equipo, o principal é conxuntarnos como bloque e a ver se en marzo podemos estar en boa posición para pelexar polo que todos queremos? explicaba o novo 6 laranxa, xunto ao presidente, Manuel Blanco, e ao directivo Rubén Blanco, na súa presentación oficial.


Logo de nove tempadas no Aspil Vidal Ribera Navarra, comeza un novo reto para Luisma en terras galegas: “Estas dúas semanas son pouco para valoralo, pero estou moi contento. Atopeime cun club moi profesional, un corpo técnico moi traballador e cuns grandes compañeiros, que nos están facendo as cousas máis doadas aos novos. Foi un gran cambio pero vin aquí convencido e non me arrepinto diso”.


“Espero seguir crecendo como xogador, cando estás moito nun sitio é todo moi coñecido. Creo que os cambios veñen ben, axúdanche a madurar e a evolucionar” explicaba o 6, incidindo nas boas sensacións de pretempada: “O camiño é seguir mellorando, seguir adaptándonos e seguir coñecéndonos, que hai moita xente nova”.



O Parrulo, próximo rival


O Parrulo, novo equipo galego de Primeira División, será o rival dos mariñáns no seu segundo amigable de pretempada; o pavillón municipal de Cedeira acollerá o duelo a partir das 19.30 horas. “Estreámonos fóra. Cunha semana máis de traballo seguiremos intentado poñer en práctica os conceptos de Juanma, intentaremos mellorar un pouco máis en ataque, creo que no Torneo Burela Bonita nos faltou un pouco de circulación de balón, aínda que en defensa estivemos ben”, explicaba Luisma.


Na convocatoria entrarán os xuvenís Edmilson e Nito, xunto ao gardameta Jose; non participará Edu, por molestias musculares.  Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 4. Víctor, 5. Hélder, 6. Luisma, 7. Chus, 9. Colacha, 10. Matamoros, 11. Cora, 12. Renato, 13. Álex, 14. Pope, 15. Edmilson, 16. Nito, 19. Jose


Axenda da próxima semana


Os pupilos de Juanma continuarán coa preparación de pretempada con dous compromisos a próxima semana. O martes 29, recibirán en Vista Alegre a selección de Turkmenistán (20.30 horas, entrada gratuíta), que se impuxo 2-3 ao Santiago Futsal o martes pasado. O sábado 2, desprazaranse á cidade amurallada para vivir o primeiro derbi provincial de 2017-18, fronte ao Prone Lugo (19.00 horas, Pavillón Municipal dos Deportes).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores