Entrevistas
10 de agosto de 2018
Lucho: 'Atraeume a ilusión por devolver o Burela FS a Primeira'
Unha das grandes novidades, Luis López García (O Corgo, 1989), máis coñecido como Lucho, recala en Burela avalado pola súa traxectoria na elite do futsal, tras o seu percorrido por Santiago Futsal, Aspil Ribera Navarra ou Levante UDFS. “Atraeume sobre todo a ilusión que hai por devolver o Burela a Primeira División e porque é un club que sempre fai equipos moi competitivos. Para min é apaixonante sumarme a este proxecto” explicaba o peche, na súa presentación oficial, acompañado polo presidente, Manuel Blanco, e o directivo, Auditor Rodríguez.

O Pescados Rubén Burela FS reúne todos os alicientes para o novo 4 laranxa: “Unha das miñas tentacións era volver xogar ao fútbol sala na miña terra, ademais nunca xoguei nun equipo lucense e Pescados Rubén presentouse como oportunidade para volver a Galicia e á miña provincia. Teño moita ilusión por isto e sei que veño a club que está moi implicado no seu traballo e que para toda a vila de Burela é moi importante”.

As primeiras sensacións son inmellorables: “Temos un equipo moi ambicioso. Espero que vaiamos progresando pouco a pouco estas semanas e que se dean os resultados todo o ano para poder estar aí arriba e ao final intentar ascender, claro”, adiantaba Lucho incidindo na necesaria dureza destas primeiras semanas: “Está sendo bastante duro, moitas sesións de carreira, de ir ao monte, traballo de pista... pero estámolo levando bastante ben, con boa actitude”.

Primeiro test, ao outro lado do Eo

Os pupilos de Juanma Marrube estrearanse no primeiro test de pretempada o vindeiro xoves, 16 de agosto, ao outro lado do Eo. O Parrulo FS, de Primeira División, e o Boal FS, de Segunda B, serán os rivais a bater no concello asturiano da Veiga, a partir das 19.00 horas. “É importante comezar a competir e ir coñecéndonos pouco a pouco. Hai sete xogadores que estiveron o ano pasado e case outros tantos que nos estreamos. É importante xogar encontros para ir adaptándonos ao traballo de Juanma e ás posibilidades que poidamos ter de aquí ao final de tempada” explicaba o novo 4 burelista.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores