Entrevistas
23 de agosto de 2018
Porto: 'Xa estamos a medio rodar'
Para José Antonio Capón Lamas, máis coñecido como Porto, o Pescados Rubén Burela FS será o seu primeiro destino lonxe da que foi a súa casa deportiva dende neno, o Prone Lugo. “Estou moi a gusto. Coñecía a Renato e a Hélder, tamén a Mata de cando estivo en Azkar. Xa levamos tres semanas de adestramentos, xa estamos todos a medio rodar”, explicaba o mozo de Portomarín, aos seus 21 anos, xunto ao presidente, Manuel Blanco, e a vicepresidenta, Cesarina Fanego.

O novo 7 laranxa non dubidou nas negociacións: “Foi bastante doado. Chamoume Juanma, fixo ver que apostaba por min e transmitiume moita tranquilidade. Antes da sinatura explicoume como funcionaba todo, cal é a forma de traballo do equipo... e todo iso facilitoume moito a decisión”, dicía a nova promesa burelista agradecendo a confianza da entidade.

O cadro burelista estreará o calendario oficial este sábado, con XXVIII Copa Galicia, nun destino especial para Porto: “Estou contento de volver a Lugo coa Copa Galicia. Espero facelo ben, que o equipo estea ben, para pasar de rolda” explicaba o ala antes do enfrontamento de dezaseisavos ante o Ribeira FSF, de Terceira (18.00 horas). “Teño alí un par de amigos, xa me dixeron que me preparara, que eles van a por todas” dicía o 7 mariñán sorrindo.

O obxectivo para 2018-19 non ten lagoas. “Pelexaremos por estar o máis arriba posible, e se pode ser sendo campións mellor. Dende o comezo, a nosa meta é gañar partido a partido, si ou si” aseguraba Porto, disposto a dalo todo: “Veño para facelo o mellor posible, para axudar ao máximo ao equipo, en goles, en defensa... e pelexar en todas as competicións, Liga, Copa Galicia e Copa do Rei”, concluía o novo burelista, con visión para o gol.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores