Entrevistas
11 de decembro de 2018
Coñecemos a... Cristina Rodil (nutricionista Come&Sana)
Cristina Rodil: ‘Descoidar a alimentación significa perder vantaxe fronte a quen compites e reducir o rendemento no partido’

Desde abril de 2017, a nutricionista burelens Cristina Pérez Rodil dirixe o centro Come&Sana e esta é a súa segunda tempada como encargada da alimentación do Pescados Rubén Burela FS de Segunda División. “Descoidar a alimentación significa perder vantaxe fronte a quen compites e reducir o rendemento no partido”, segundo esta experta en alimentación, nutrición e dietética esta é a máxima que calquera deportista debería ter en mente.

Por que se achega a xente a Come&Sana?

- O meu traballo céntrase no ámbito clínico, trato patoloxías desde o punto de vista nutricional, sobrepeso, obesidade, nutrición deportiva... O 90 ou 95% da xente chega por sobrepeso ou obesidade. Pero aquí o obxectivo é aprender a comer san e a cociñar, recoñecer alimentos e como combinalos. Así perderase peso de forma sa, non cunha dieta estrita de tres meses, que non serve para nada.

Por que cres que cada vez hai máis obesidade?

-A sociedade está sometida a un mundo no que todo son présas; sempre estamos ocupados e xa non temos tempo nin para cociñar, como antes cando todo se cociñaba na casa e todo era prato de culler ou da horta e non tiñamos tantos produtos ultraprocesados. Ademais tamén inflúe a falta de información sobre estes novos alimentos. Por exemplo, unha etiqueta de “0 azucres engadidos” non indica precisamente que o produto sexa san. Por todo isto a figura do nutricionista é tan importante.



Que coidados necesita un deportista? E un xogador de fútbol sala?

-Cada deporte é un mundo e temos que analizar a cada deportista individualmente. As premisas xerais sempre son levar unha alimentación sa, baixa en graxas saturadas, comer de todo, non esquecerse dos hidratos de carbono, sempre en cantidades normais; estar ben hidratado, o consumo de auga, é moi importante, axuda a ter mellor rendemento deportivo e a evitar lesións; evitar o alcohol, xa que deshidrata o corpo; durmir ben e facer unha boa recuperación despois do partido, neste caso, a base de auga, proteína e hidratos de carbono para evitar o dano muscular e repoñer as perdas de auga por suor que se van perdendo na competición.


Como é o traballo con cada xogador do Pescados Rubén Burela FS ao longo da tempada?

-Desde o contacto inicial, en pretempada, os controis xerais son cada mes e medio ou dous meses. Os xogadores que necesitan unha atención máis especial, para mellorar composición corporal ou para perder un pouco de peso, cítoos cada semana ou quince días. Tamén os aconsello para comidas puntuais ou para logo dos adestramentos. Esta tempada hai moito interese neste aspecto entre os xogadores, están moi concienciados de que no seu rendemento deportivo a alimentación é importante.

Á parte dos controis, medimos os pregamentos, para valorar a porcentaxe de graxa. Fágolles as bebidas deportivas para os partidos e preparo suplementos de recuperación cando son necesarios. Tamén preparo as planificacións de desprazamentos; sempre me gusta incluír a gastronomía da zona. Se un prato típico se adapta inclúoo porque mellor que alí non se vai a comer noutro sitio e tamén para que coman diferente, que saian da rutina de polo, ensalada e pasta, e da que moitos deportistas están aburridos. Así aprenden a que é posible comer ben e variado antes dun partido.


Que balance fas do teu labor en Pescados Rubén e da figura do nutricionista no deporte?

-Os dietistas/nutricionisas cada vez estamos máis incluídos no deporte; estamos medrando e cada vez é máis visible que o noso labor é importante. O meu traballo no club é moi gratificante; esta tempada hai unha grande implicación por parte dos xogadores, moitísimo interese dos mozos, que normalmente son os máis reacios a coidar a alimentación.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores