Noticias
23 de xullo de 2009
Suso Rey asina o seu compromiso como novo adestrador do Burela FS

O Vicepresidente do Burela FS Manolo Blanco fixo onte oficial o acordo con Suso Rey para que este sexa o novo adestrador do equipo masculino. Blanco quixo subliñar o compromiso constante do técnico co club laranxa, polo que considera que “a aposta por el como máximo responsable do equipo de Prata non é máis que un paso lóxico, que dotará de cohesión ao grupo e será positiva sen ningunha dúbida”. O polo de agora preparador físico do Burela FS agradeceu “a confianza depositada en min por parte do club” e describiu a súa nova función dentro do organigrama como “o reto máis apaixonante da miña carreira deportiva”.

Suso Rey síntese “con ganas e capacitado para asumir a máxima responsabilidade a nivel técnico” e amósase partidario de formar un equipo “competitivo no que se sumen experiencia e xuventude”. O cadro directivo traballa xa nesa liña, polo que o novo adestrador adianta que “a nosa intención é definir un conxunto forte defensivamente e moi rápido e vertical arriba”. Rey, que xa ten programado o traballo de pretempada, ten fe plena na afección de Vista Alegre, “esta tempada vai ser dura para todos os equipos, pero nós temos ese punto extra de forza que nos aporta o pavillón burelao”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores