Noticias
11 de setembro de 2009
A liga laranxa arranca en Andorra o vindeiro sábado, 12 de setembro

O CD Burela FS inaugura a liga 2009-10 este sábado (12 de setembro), ás 18.30 horas, en terras pirenaicas ante o FC Andorra.

O cadro laranxa afronta a nova tempada na División de Prata cunha fórmula baseada na mestura de experiencia e xuventude nas súas filas. Baixo as ordes de Suso Rey, como adestrador e preparador físico, continúan no vestiario laranxa os veteranos Juanma, Revilla, Purao, Edu, Minu e Juampe, coa achega de novas promesas, como Javi Rodríguez e Christian, cedidos en 2008-09 ao Lanzarote, ou Brais e Turero, procedentes das categorías inferiores do club burelista. Completan este equipo outros dous xogadores moi novos: Dani Martín, que chega do Tecuni Bilbo, e André, que vén da liga italiana.

O Burela FS visitará a un conxunto co que xa compartiu o Grupo Norte e a fase de ascenso a tempada pasada e no que atopará ao ex-laranxa Gordillo. Xunto ás renovacións de Marimón, Aitor, Jorge Dias, Jona, Moisés e Cabinho, o equipo de Xavier de la Rosa contará con reforzos como Marc Fernández, de La Rápita; Dantas, do Lanzarote; Nacho Llamas, do Talavera; ou Sepe, cedido polo FC Barcelona.

Nesta primeira xornada, Suso Rey viaxará con todos os seus xogadores.

Formato 2009-10

A División de Prata volverá comezar con dous grupos. No Norte, xunto ao CD Burela FS, participarán Avilés Oquendo, Camping El Escorial, Colegios Arenas Galdar, E. Delta Badajoz, Extremadura-Cáceres 2016, FC Andorra, Gijón-El Llano, Grupo Empresas Talavera, Illescas, La Muela-Aragón, Lanzarote Tías Yaiza, OE Ram, OPDE Ribera de Navarra e Valverde.

A liga regular contará cun total de 30 xornadas, que se prolongarán ata principios de maio; terán a oportunidade de loitar polo ascenso os catro primeiros clasificados de grupo. Como gran novidade, haberá dous play-off paralelos: No primeiro, os campións Norte e Sur enfrontaranse entre si; o mellor de tres partidos ascenderá directamente. No outro, o segundo dun grupo medirase ao cuarto do outro e os terceiros bateranse entre si; os gañadores (o mellor a tres partidos) pasarán á seguinte eliminatoria coa incorporación do perdedor do primeiro play-off. De aquí sairá o segundo ascendido. 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores