Noticias
18 de setembro de 2009
Os burelaos estrean 2009-10 en Vista Alegre ante La Muela, un dos noveis de Prata

O Burela FS estreará mañá a tempada 2009-10 ante a súa afección, en Vista Alegre, na segunda xornada do Grupo Norte de Prata. Farao a partir das 18.30 horas, ante FS Aragón-La Muela, un dos noveis na categoría.

Os rapaces de Suso Rey mediranse a un equipo que mantén o groso do vestiario que fixo posible o ascenso de La Muela a Prata, como campión do Grupo 5 de Primeira Nacional A. Nesta nova etapa, os aragoneses estarán dirixidos por Javier Esteban, tamén procedente de Primeira A, e xunto ás renovacións de Dani Valero, Jose Mari Olmos, Carlos San Miguel, Diego Berges, Chuchi ou Chuska o FS Aragón-La Muela fortalécese coas notables incorporacións dos ex do Sala 10 Zaragoza Luchi, Raúl Izquierdo e Dani Latorre, que en 2008-09 levaron o seu equipo á División de Honra. Segundo declaracións do propio Javier Esteban, La Muela  está feito a medida: "é o equipo que estruturamos cando empezamos coa planificación, polo que estamos moi contentos e ilusionados. É un cadro integramente aragonés e con xogadores de calidade contrastada, con moita garra, con xuventude e experiencia ao mesmo tempo".

Polo momento a táboa clasificatoria non di moito, pero os dous equipos comezaron ben. Se os xogadores laranxas se impuxeron en Andorra (2-4), os zaragozanos non quixeron ser menos e tamén conseguiron facerse cos tres puntos, grazas ao 5-4 ante Illescas, outros dos debutantes nesta tempada.

Javi Rodríguez será a única baixa no banco laranxa para mañá. Suso Rey decidiu prescindir do canario para esta cita por precaución ante certas molestias que arrastra dende o pasado 9 de setembro por un golpe recibido fronte ao Cidade de Narón.

Carnés. Aqueles/as socios/as que aínda non pasaran polas oficinas do club (avenida Arcadio Pardiñas, número 97, entresollado) para retirar o seu carné 2009-10 poderán recollelo mañá en Vista Alegre a partir das 16.30 horas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores