Noticias
3 de outubro de 2009
O Burela FS vence a Talavera (3-2) e sobe de novo aos postos de cabeza

A vitoria do conxunto de Suso Rey ante os casteláns (3-2) permite aos da Mariña establecerse nos postos de privilexio na xornada previa á visita ao pechacancelas da categoría: o Camping El Escorial.

Comezou con forza o cadro laranxa. Anotou Cristian (1-0. Minuto 6) ao finalizar unha contra cun remate certeiro. Pouco tempo despois, Revilla puxo o 2-0 no electrónico de Vista Alegre (minuto 10) logo de irse dun rival e conectar un excelente disparo coa dereita. Co 2-0 no marcador, chegouse ao descanso.

Na continuación, apertou o Talavera a meta de Edu, que volveu estar soberbio baixo os paus. No entanto, Chin enganchou un bo disparo no minuto 28 que se coou entre as pernas ao de Narón (2-1) e por un momento parecía que todo podía ocorrer. Ata que unha cabalgada soberbia de Juanma en solitario finalizou con falta directa. Era o minuto 37 e o de Alfoz non fallou: 3-1 no electrónico. O conxunto visitante aínda tivo determinación para anotar o 3-2 a poucos instantes de finalizar o partido, pero para entón a bancada burelense xa respiraba tranquila. Vitoria ante un dos grandes favoritos do grupo e o equipo laranxa rearma a súa posición e respira tranquilo na parte alta da táboa.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores