Noticias
4 de outubro de 2009
Golpe de efecto do equipo feminino en Córdoba (3-4) na súa primeira vitoria da tempada

O equipo de Pardeiro fíxose coa vitoria (3-4) na pista máis complicada da categoría: as andaluzas levaban dous anos sen perder na casa en División de Honra. Deste xeito, o Burela FSF Pescados Rubén demostra que o entusiasmo do conxunto segue intacto malia o arranque dubidoso das primeiras xornadas. Comezou anotando (1-0) o Cajasur Córdoba no primeiro minuto de xogo por mediación de Ampi. Lonxe de virse abaixo, as mariñás crearon ocasións constantemente e incluso dominaron en determinadas fases do xogo. No minuto 7, Rosana transformou o 1-1, pero Ampi volvía a anotar o 2-1 (minuto 16) co que se chegaría ao descanso.

A segunda parte empezou con gol burelao no minuto 26 (2-2. Lucía) e Lidia puña por diante as laranxas no 28 (2-3) por vez primeira no marcador. O tanto de Ampi no 34 (3-3) foi un espellismo para as locais, que caían finalmente logo do gol de Lucía de falta directa (3-4. Minuto 35). O Burela FSF aguantou cunha defensa agónica o impulso das cordobesas nos instantes finais do encontro, aínda que tiveron que xogar dous minutos con tres xogadoras de campo logo da expulsión por dobre amarela de Lucía, a falta de cinco minutos para o final.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores