Noticias
16 de outubro de 2009
Os laranxas reciben o Extremadura Cáceres 2016 coas ausencias de Juanma e Minu

O CD Burela FS terá que afrontar a sexta xornada do Grupo Norte de Prata, ante o Extremadura Cáceres 2016, con dúas baixas seguras, Juanma e Minu. Esta será a segunda semana de ausencia do capitán laranxa, por unha rotura de fibras nun adutor; o pivote cordobés, pola súa banda, sofre una escordadura de nocello.

Mañá, a partir das 18.30 horas, Vista Alegre acollerá un duelo de vellos coñecidos, moi próximos na táboa; os cacereños están sétimos, con 7 puntos, tres menos ca os burelaos, que son cuartos. Esta será a segunda vez que ambos os conxuntos midan as súas forzas en 2009-10; no XIX Trofeo Cáceres Patrimonio da Humanidade, a finais de agosto, a vitoria foi para os laranxas (2-4).

O club estremeño chegará á Mariña con mingua nos seus efectivos. Non poderán participar Adri Gaona, Iván Vázquez e Borja, que seguen o seu proceso de recuperación dende hai xa algunhas semanas; tampouco poderá saltar á pista burelá Juan Carlos, lesionado na quinta xornada.

Suso Rey non poderá dirixir os seus xogadores dende a banda; o técnico foi castigado cun partido de sanción por protestar aos árbitros ante El Escorial, na xornada pasada. Para esta ocasión, o preparador laranxa convocou o xuvenil Manuel Jiménez, que xa compartiu a pretempada co primeiro equipo.

Xornada de loito

Vista Alegre gardará un minuto de silencio antes do encontro Burela FS-Extremadura Cáceres 2016 polo falecemento do xogador do Real Jaén FS Carlos Martínez; ambos os dous cadros saltarán á pista con brazais negros. O mozo, de 19 anos, finou o 12 de outubro no seu domicilio de Xaén a consecuencia dunha parada cardiorrespiratoria. Formado nas categorías inferiores do Atlético Jaén e campión de España sub-15 coa selección de Andalucía, agora militaba no Real Jaén FS, en Primeira Nacional A, como unha das firmes promesas do fútbol sala andaluz.

Con este acto, o CD Burela FS tamén se suma ás mostras de dor pola morte da ex-xogadora do Vilassar de Mar Carla Muñoz. As complicacións cardíacas volveron ser a causa dunha nova perda no mundo do deporte; Carla, que faleceu o 14 de outubro en Arenys de Munt, aos 23 anos, estivo vinculada ao Vilassar, da División de Honra Catalá, durante varias tempadas.    

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores