Noticias
25 de outubro de 2009
Brillante vitoria do Burela FSF, que accede á terceira posición da División de Honra

Cuarto triunfo consecutivo do Burela FSF Pescados Rubén que se coloca na terceira praza, con doce puntos, da División de Honra. O conxunto burelense logrou unha brillante vitoria por 3-0 ante o Ucam Murcia, que finalizou o encontro sen ideas e rendido nun Vista Alegre que rexistrou unha grande entrada.

A numerosa afección laranxa que asistiu á cita dominical gozou dun gran partido no que as pupilas de Javier Pardeiro demostraron, ademais da súa boa serie de resultados, que o seu nivel de xogo aumenta co paso de cada xornada. Desde o asubío inicial púidose ver un choque vibrante e con alternativas no dominio do xogo pero ambos os equipos esqueceran o instinto goleador nos vestiarios. En consecuencia, ao descanso chegouse cun empate a cero goles que, tras a continuación, Lucía modificou rapidamente cun gol desde a frontal. O 1-0 reforzou a confianza laranxa ante un conxunto murciano que acusou o golpe aínda que tampouco tardou moito en reaccionar; neses momentos de apuro local xurdiu a figura de Irene para deter calquera posible igualada.

O Burela logrou recomporse e a súa presión en pista contraria obtivo como beneficio o 2-0 que chegou por mediación de Rosana. A partir de aí, o Burela soubo manexar mellor o choque ca un Murcia desorientado que recorreu á opción de porteira-xogadora para acurtar a diferenza. O resultado foi o 3-0 logrado por Lidia tras un roubo de balón en media pista. Os últimos minutos de xogo foron un querer e non poder das murcianas ante un Burela que foi despedido cunha grande ovación pola súa afección.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores