Noticias
16 de novembro de 2009
O cadro de Suso Rey cede os tres puntos nas Canarias

O CD Burela FS cedeu os tres puntos nas Canarias, ante un rival directo na clasificación, o Colegios Arenas Gáldar, nun final de partido de infarto. Nunha cita na que puido impoñerse calquera, a efectividade de cara á portería xogou en prexuízo dos laranxas, cun 5-3 que os relega á sétima posición.

Dos pés de Néstor saíu, xa no primeiro minuto, a vantaxe local. Non obstante, ambos conxuntos marcharon ao vestiario no descanso con igualada, grazas a un lanzamento de Juanma desde os 10 metros (minuto 19).

A segunda parte converteuse nun loita incansable, na que tanto galdenses coma burelaos propuxéronse como único obxectivo a meta rival. No minuto 28, anotaba o Arenas Gáldar por partida dobre, con Minhoca e Glauber como protagonistas (3-1). A reacción do Burela FS non se fixo esperar, coa saída do porteiro-xogador, e os canarios optaron pola mesma solución, nunha dinámica na que o laranxa Juampe se viu obrigado a abandonar a pista por dobre tarxeta.

Acurtando distancias, o 3-2 chegou no minuto 36, de novo, coa firma do Mariskal. No entanto, os galdenses volveron bater a meta de Edu, no 38, co 4-2 de Glauber. Nestes movidos minutos, un penalti de Juanma (38) abría as opcións dos laranxas, que foron disipadas por un novo tanto local, de Néstor (minuto 39).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores