Noticias
24 de novembro de 2009
Toque laranxa no Día Internacional contra a Violencia de Xénero

O CD Burela FS colaborará mañá, 25 de novembro, na celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, como denuncia ante esta eiva social. Unha ampla representación do primeiro equipo feminino, así como membros da xunta directiva da entidade laranxa, participará na solta de globos organizada polo Concello de Burela para as 13.00 horas, na praza do consistorio.

Así mesmo, todas as persoas que se acheguen ao acto poderán deixar reflectida a súa condena ante o maltrato e o seu apoio ás vítimas a través da sinatura no ‘Libro de Firmas contra a Violencia Sexista’; o documento permanecerá á disposición de todos os interesados/as na casa do concello ata finais de novembro. 

Dende a Delegación de Igualdade, o Concello de Burela completará a conmemoración do Día contra a Violencia de Xénero con dúas proxeccións cinematográficas. A casa da cultura da vila acollerá mañá, ás 20.30 horas, ‘Moolaadé’ (2003), un traballo do senegalés Ousmane Sembene, premiado polo Festival de Cannes, que aborda a práctica da ablación na sociedade africana.  ‘Grbavica, el secreto de Esma’ (2006) poderá verse, á mesma hora, no auditorio o xoves; nesta película, galardoada co Oso de Ouro no Festival de Berlín, a directora e escritora bosnia Jasmila Zbanic amosa a vida en Saraievo a través de dúas mulleres, nai e filla, despois da Guerra dos Balcáns.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores