Noticias
27 de novembro de 2009 Foto: Carlos Echevarría
A bomboneira acolle o derbi galego, ante o Ourense, coas dúbidas de Lucía e Souza

A bomboneira acollerá este sábado, a partir das 18.30 horas, o derbi galego da División de Honra Feminina coas dúbidas de Lucía e Souza nas filas do Burela FSF Pescados Rubén por senllas molestias; a pichichi laranxa presenta unha severa sobrecarga de abdutores e a brasileira arrastra un problema plantar. 

Á incerteza destas dúas xogadoras, súmase a ausencia de Javier Pardeiro; o técnico non  poderá dirixir o cadro laranxa dende a banda debido á imposición de dous partidos de sanción por parte da Real Federación por “protestar unha decisión arbitral e provocar a interrupción dunha xogada” ante o Natudelia.com Zaragoza. Tampouco desenvolverá o seu labor de delegado este sábado Manolo Cabo, amoestado cun encontro por “dirixirse aos colexiados desconsideradamente” na xornada pasada.

O Burela FSF defenderá a súa cuarta posición (18 puntos) ante o Ponte Ourense, que con tan só tres puntos menos é décimo. Nunha clasificación tan igualada e rifada, sen ningunha dúbida, a undécima cita da élite feminina promete moito espectáculo en Burela, co engadido de que as ourensás chegarán a Vista Alegre cunha dose extra de motivación para intentar resarcirse da XIX Copa Galicia, onde o cadro laranxa, actual campión autonómico, as apeou en semifinais por un nutrido 0-6.

Nesta cita, o equipo burelao estará acompañado pola primeira peña de fútbol sala feminino da comarca; o seu nome é Soles Laranxas e, a partir deste sábado, será un dos principais apoios na bancada para as burelistas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores