Noticias
27 de novembro de 2009
O Burela FS buscará o podio en León, animado pola súa afección

Situado na quinta posición, o equipo burelao viaxa na duodécima xornada de Prata a León na busca dunha maior aproximación ao podio, co apoio da numerosa afección que representa a peña A Pataca Naranxa. O Palacio dos Deportes da cidade castelá acollerá o partido entre o OE Ram León e o CD Burela FS o domingo, 29, ás 12.00 horas.

O cadro de Suso Rey terá por diante, unha semana máis, unha cita para nota; os xogadores laranxas enfrontaranse a un rival que os avantaxa unha posición na clasificación, aínda que cos mesmos puntos, 19, que tamén posúe o Arenas Gáldar, na terceira praza. O Burela FS coñece de primeira a man a dureza da pista leonesa; se na tempada pasada os laranxas só puideron conseguir un empate (2-2) ante un local que navegaba polos postos de descenso, este ano tamén son conscientes de que terán que pelexar, e moito, polos tres puntos nun feudo no que, ata o momento, só o Azulejos Ramos Talavera puido saír vitorioso por un axustado 3-4 e contra un equipo que, con 47 tantos, é o segundo máximo goleador do Grupo Norte.

O viveirense Christian tampouco poderá xogar este encontro pola súa escordudura de xeonllo; despois de tres semanas apartado da competición, o xogador espera o resultado das últimas probas, que ditaminarán sobre unha posible intervención cirúrxica. Ante esta baixa e como vén sendo costume, será o xuvenil Manuel Jiménez quen entre na convocatoria de Suso Rey.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores