Noticias
2 de decembro de 2009
O Burela FS asina un convenio coa Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña

Dentro do seu programa de acción social, o CD Burela FS vén de asinar un convenio de colaboración coa Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña. Os directivos do club Antonio Rodenas e Marcelino Luna recibiron esta semana a María José Nóvoa, coordinadora do centro, e Manuel Boullosa, monitor deportivo, nas oficinas do club para pechar as bases do acordo que comprometen a ambas as entidades.

Coa formalización deste convenio, o club dá un paso máis na súa relación coa Asociación de Axuda ao Enfermo Mental, coa que xa colaboraba a través da doazón de material deportivo nos últimos anos. Marcelino Luna mostrou a súa satisfacción con “poder participar neste loable labor de desenvolvemento persoal e integración social”. A traballadora social María José Nóvoa, pola súa banda, aproveitou a xuntanza para agradecerlle ao club o apoio prestado, tanto técnica coma humanamente, e amosouse ilusionada cos novos proxectos deportivos “nos que os rapaces/as se implicarán ao máximo con todo o seu entusiasmo”.

No marco de actuación do convenio, os membros da devandita asociación contan, dende o comezo da tempada, con pases especiais gratuítos para presenciar os encontros dos primeiros equipos laranxas, en Prata e Honra. Ademais, os xogadores e xogadoras realizarán visitas e participarán en xornadas de convivencia cos integrantes de Axuda ao Enfermo Mental. Dende o club, tamén se está traballando para acoller en Burela algunha das fases finais da competición autonómica de fútbol sala na que participa a asociación, “A Copa Galega de Balompé”, organizada pola Federación Galega de Asociacións de Enfermos Mentais. 

Con sede en Burela e Ribadeo, a asociación da Mariña leva unha década loitando pola rehabilitación psicosocial e laboral das persoas afectadas por enfermidades mentais. En 2009, na súa segunda tempada de competición, e baixo as ordes de Manuel Boullosa, o equipo de fútbol sala do centro, A Mariña FS, acadou o terceiro posto na copa galega, ademais de recibir o Trofeo de Mellor Xogador, nas mans do seu porteiro, Marcos Nogueira.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores