Noticias
11 de decembro de 2009
Badajoz, último desprazamento do ano para os pupilos de Suso Rey

O CD Burela FS xa se atopa en terras estremeñas para que enfrontarse mañá, no que será o seu último encontro de 2009 como visitante, ao Extremadura Delta Badajoz. O partido arrincará ás 20.30 horas, no pavillón pacense de La Granadilla.

O cadro de Suso Rey chega a esta décimo cuarta xornada de Prata nunha liña de xogo ascendente, con avances palpables no aspecto defensivo. Asentado na terceira posición (25 puntos) grazas aos últimos triunfos encadeados, o Burela FS medirase cun recente ascendido, que ocupa a décima posición (15 puntos) e ostenta o título de máximo goleador do Grupo Norte (67), pero tamén de equipo máis goleado (63). O técnico laranxa ve neste enfrontamento “un partido dinámico e aberto ante un rival moi repregado na defensa e que basea o seu xogo no contraataque”.

Á ausencia de Suso Rey, que liquidará nesta cita a sanción imposta en León, e de Christian, que continúa con avaliacións médicas pola súa escordadura de xeonllo, en Badajoz sumarase a baixa de Minu, que recaeu dunha sobrecarga isquiotibial durante o encontro da semana pasada, ante o OPDE Ribera de Navarra. Como paliativo de vestiario, o xuvenil Manuel volve á convocatoria.

Na cabeza do grupo, o líder, Grupo de Empresas Talavera, visitará a pista do Lanzarote Tías Yaiza (4º) e o segundo, Gijón-El Llano, acollerá o derbi asturiano fronte ao Avilés Oquendo (9º).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores