Noticias
11 de decembro de 2009
O Burela FS Feminino recibe o Diamante Rioja como rival directo

O Burela FSF Pescados Rubén recibe na décimo terceira xornada de Honra un rival directo na táboa, o Diamante Rioja, que, con tan só 1 punto menos cás laranxas, está sexto, fronte á quinta praza mariñá.

A partir das 18.30 horas, Vista Alegre presenciará mañá un encontro moi tenso como despedida laranxa a 2009, onde a proximidade clasificatoria se converterá na chispa necesaria para acender a mecha do espectáculo futbolístico. As pupilas de Javier Pardeiro deberán recuperar esa concentración previa a Castelldefels que tantas alegrías lles estaba proporcionando na súa estrea de elite; esa temperanza poderá neutralizar o xogo do Diamante, que chegará exultante tras a contundente vitoria da semana pasada, ante o Teldeportivo (9-2). A ambas as dúas escuadras viríalles de perlas puntuar nunha táboa moi apertada e poderíalles servir para escalar algunha posición; nestes momentos o Burela FS está a 1 punto do Navalcarnero, cuarto, 2 do Móstoles, terceiro, e 3 do Femesala, segundo.

Pardeiro regresará á banda da bomboneira con todos os seus efectivos en boas condicións para poder impoñerse ás rioxanas, que chegan coas baixas da ala María García, por unha lesión de xeonllo, e da gardameta Andrea, con molestias nun cóbado.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores