Noticias
12 de decembro de 2009
Tres puntos de diamante para o Burela Pescados Rubén, que acariña a súa presencia na Copa de España

Triunfo importantísimo por 4-1 do Burela Pescados Rubén ante un Diamante Rioja que deixou unha grata impresión en Vista Alegre. Medio milleiro de espectadores presenciaron un choque vibrante entre dous conxuntos que loitan por estar presentes na Copa de España. Con estes tres puntos, o conxunto dirixido por Javier Pardeiro recupérase do tropezón da xornada anterior e aséntase na zona alta da División de Honra.

O duelo comezou cun Burela pouco inspirado e demasiado estático, mentres que a escuadra rioxana estaba cómoda na pista, aínda que as súas intencións de golpear quedaron en senllos simulacros. As táboas romperon a favor das laranxas por mediación de Marta Cabo (1-0), pero a expulsión da meta local, Irene, por dobre amarela propiciou un libre directo que Peque aproveitou para bater a Lola e establecer o 1-1. O equilibrio foi a nota predominante durante este primeiro período; Lola logrou evitar o 1-2 ao deter un dobre penalti. A continuación emerxeu, por enésima vez, a determinación de Lucía que sorprendeu a todo o pavillón ao executar unha falta desde 18 metros que supuxo o 2-1. A brasileira Souza puido ampliar a renda burelá a 28 segundos do descanso pero o seu lanzamento marchouse alto.

Na continuación, as rioxanas buscaron con afán o empate ante un Burela que non lograba brillar como en ocasións anteriores, pero que mantiña o tipo. A sete minutos para o final, o Diamante Rioja xogou coa opción de porteira-xogadora e acariñou o empate pero foi Souza a que de forte disparo bateu a Nerea para situar o 3-1. No último minuto, apareceu a conexión brasileira entre Souza e Drica, quen tras unha excelente combinación redondeou o marcador co 4-1 final.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores