Noticias
17 de decembro de 2009
O Burela FS recibirá 2010 co Torneo Benéfico 'Mételle un Gol ó Cancro'

O Burela FS comezará o ano novo saltando á pista por unha boa causa, o Torneo Benéfico ‘Mételle un Gol ó Cancro’. Os pupilos de Suso Rey protagonizarán un partido de exhibición fronte ao Deportivo de Veteranos, o 3 de xaneiro (17.30 horas) en Abegondo, nesta primeira cita futbolística de 2010 que organizan o Club Deportivo Mabegondo e o xornal deportivo galizasport.com, coa axuda de máis de medio centenar de entidades públicas e privadas.

Tendo o Centro Oncolóxico de Galicia como destinatario dos fondos recadados, a décima edición de ‘Mételle un Gol ó Cancro’ reunirá en competición a 16 representantes do fútbol sala coruñés entre os días 2 e 3 de xaneiro, no pavillón municipal de San Marcos de Abegondo, ademais do amigable de convidados Deportivo de Veteranos-CD Burela FS. Na tradicional categoría feminina participarán CD Mabegondo, Sada FS, As de Sempre, Viejas Glorias, Viaxes Amarelle FSF, As de Ferrol, R. Trillo e Cervecería A Dorna. Na categoría de nova incorporación, a masculina, intervirán CD Mabegondo, Sada FS, CD Atalantes, Futgol, Cafetería Internacional, Ventorrillo FS, La Coruña FS e Manureva.  

Con esta participación, o CD Burela FS sobe un chanzo no seu programa de acción social, proxecto no que traballa coidadosamente dende o nacemento da entidade. Neste senso, o club mantén dende hai anos unha nutrida colaboración con diferentes colectivos, como a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, a Fundación Eu Son de Burela ou a asociación de discapacitados Camiña, e centros de ensino da comarca, como o IES Monte Castelo.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores