Noticias
18 de decembro de 2009
Os burelaos buscarán un perfecto remate da primeira volta, ante o penúltimo do grupo

O Burela FS disputará o último encontro de 2009, coincidindo coa fin da primeira volta, ante o Valverde del Majano, penúltimo do Grupo Norte. O fútbol sala de Vista Alegre despedirá o ano mañá cunha cita que arrincará ás 18.30 horas.

Os pupilos de Suso Rey chegan ao ecuador ligueiro con boa nota; os seus 28 puntos colócanos na terceira praza e cunha vitoria na décimo quinta xornada poderían acceder ao segundo posto, xa que ao Grupo de Empresas Talavera (31) e ao Gijón-El Llano lles toca medirse en duelo directo. No polo oposto, atópase o Valverde, novo equipo en Prata que, con 8 puntos, só supera ao Navarra (6) na clasificación.

Co Burela FS como favorito neste enfrontamento e lonxe do que se puidera esperar, os segovianos encaran a súa visita á Mariña con esperanza, segundo o exposto na súa web (www.cdvalverde.com), “xa que por fin o equipo encontrou o seu sinal de identidade no xogo, con clara melloría ao longo das semanas”. A pesar de que os resultados non o avalan, o Valverde é un equipo que pode meter en apuros a calquera rival; simplemente chega con recordar o resultado co que se impuxo en Asturias na sétima xornada, 3-9 ante o Gijón, que é segundo nestes momentos.

No vestiario burelista, volverán poñer a camiseta laranxa Christian, que levaba máis dun mes apartado das pistas por unha escordadura de xeonllo, e Minu, recuperado xa dunha sobrecarga isquiotibial. As baixas do Valverde neste desprazamento serán Gus e Charli, por lesión, ademais de Josivi.

Sorteo. Durante o descanso do partido Burela FS-Valverde darase a coñecer o gañador/a dunha cesta de Nadal cedida pola empresa galega de supermercados Gadis. Os boletos poderán adquirirse durante a primeira parte do encontro ao prezo de 1 euro.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores