Noticias
23 de decembro de 2009 Foto: Mételle un Go ó Cancro
Presentación do X Torneo Benéfico 'Mételle un Gol ó Cancro'

O Centro Oncolóxico da Coruña acolleu onte pola mañá a presentación da décima edición do Torneo Benéfico ‘Mételle un Gol ó Cancro’, prevista para o 2 e 3 de xaneiro de 2010 e onde o CD Burela FS participará cun partido de exhibición ante o Deportivo de Veteranos, no pavillón de San Marcos de Abegondo. O acto contou coa presenza do Burela FS, representado por un dos seus vicepresidentes, José Saa Saa, xunto aos organizadores do torneo Bibiana Santiso, secretaria do CD Mabegondo, e José Núñez, responsable de galizasport.com, ademais de Fernando Cachafeiro, director do Centro Oncolóxico de Galicia, e José Ramón González, xogador do Deportivo de Veteranos.

Tras o breve repaso da historia do torneo realizado por Bibiana Santiso, o director do centro oncolóxico agradeceu á organización esta iniciativa, “cuxa recadación se destinará para a formación dos médicos en novas formas de traballo e de atacar o cancro”; Fernando Cachafeiro tamén quixo recordar na presentación ao falecido Camilo Veiras, que colaboraba co torneo como director médico do Centro Oncolóxico de Galicia. José Saa animou o público da Coruña e arredores a achegarse ao torneo e colaborar con este tipo de iniciativas “tan loables, nas que dende o Burela FS mostramos todo o noso apoio”. O xogador do Deportivo de Veteranos José Ramón González tamén fixo un chamamento para que o pavillón de San Marcos de Abegondo se encha para presenciar a cita entre o Deportivo de Veteranos e o Burela FS.

En 2010 ‘Mételle un Gol ó Cancro’ reunirá en competición 16 equipos coruñeses nas categorías feminina e masculina, ademais dos 2 que disputarán o partido de exhibición. O torneo comezará o sábado 2 ás oito da mañá coa fase de liguiña e concluirá ás doce da noite. O domingo 3 arrancará ás nove da mañá con cuartos de final e semifinais, ata que cheguen as 17.30 horas para recibir o prato forte do torneo, co enfrontamento entre o DEPORTIVO DE VETERANOS e o CD BURELA FS. Este encontro dará paso ás finais masculina e feminina, ás 18.30 e 19.30. A entrega de trofeos será ás 20.30 horas.

A celebración da décima edición de ‘Mételle un Gol ó Cancro’ é posible grazas ao apoio de máis de medio cento de entidades públicas e privadas que defenden o traballo do CD Mabegondo e galizasport.com. A entrada ao torneo será gratuíta; a organización agradece a colaboración mediante a compra de rifas para distintos premios que se sortearán durante a fin de semana, como camisetas dos xogadores do Deportivo de Veteranos.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores