Noticias
4 de febreiro de 2010
O Comité Nacional desestima a denuncia do Valladolid FSF

O Comité Nacional de Fútbol Sala desestimou a denuncia interposta polo Valladolid FSF, na que cuestionaba a legalidade da alineación da burelista Joziane de Oliveira no partido da décimo sétima xornada de Honra, Burela FSF-Valladolid FSF (domingo 31 de xaneiro).

O CD Burela FS recibiu esta mañá o comunicado do devandito organismo, no que o xuíz único de Competición de Fútbol Sala resolve que “despois de revisar a documentación obrante no expediente, especialmente a licenza expedida pola RFEF o 11 de xaneiro de 2010, se desprende que a xogadora Dª. Joziane de Oliveira cumpre todos os requisitos para poder participar no Campionato da División de Honra Feminina de Fútbol Sala e, en concreto, no disputado o 31 de xaneiro”.

Con esta sentenza, a Real Federación Española de Fútbol anula a reclamación do Valladolid FSF, con base infundada para denunciar a inexistencia do certificado de tranferencia internacional de Jozi; e despexa toda dúbida sobre a situación legal da porteira burelista na competición, que dende o 11 de xaneiro, ademais do devandito certificado, tamén está en posesión da autorización de xogo e do certificado de licenza deportiva que a habilita para a actividade deportiva.

A xunta directiva do club laranxa amosou a súa satisfacción pola resolución do Comité Nacional, xa que “elimina a tentativa de enturbar un partido que o Burela FSF Pescados Rubén gañou por méritos propios”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores