Noticias
5 de febreiro de 2010
O club laranxa recibirá unha axuda de 125.000 euros da Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo concedeulle ao CD Burela FS unha axuda de 125.000 euros para contribuír co club a manter tanto os seus equipos de elite, feminino e masculino, coma as categorías inferiores. Así o anunciou na tarde de onte o vicepresidente da Deputación, Antón Bao, xunto ao delegado de Deportes da Deputación, Antón Veiga, no transcurso dunha visita á entidade laranxa.

Durante a súa xornada na vila mariñá, Antón Bao e Antón Veiga foron acompañados por José Ramón González Casas, presidente do Burela FS, na súa visita ao pavillón Vista Alegre, xunto aos membros da xunta directiva Jose Saa, Manuel Blanco, Antonio Rodenas e Marcelino Luna. Alí compartiron experiencias cos rapaces e rapazas da categoría infantil e parte do profesorado do club. Aproveitando a ocasión, o vicepresidente e o delegado de Deportes da Deputación fixeron un pequeno agasallo de material deportivo ao alumnado da EDM Burela FS que se atopaba adestrando no pavillón.

Nas oficinas do club, Antón Bao e Antón Veiga puideron observar a dinámica de xestión para o funcionamento do proxecto deportivo burelista.

Antón Bao quixo facer referencia a que “desde a Área de Deportes da Deputación sempre fixemos fincapé en potenciar aqueles proxectos deportivos que se constrúen desde a base, de xeito que, apoiando a clubs como o Burela FS, logremos dinamizar e promover a práctica deportiva desde as idades máis novas”. Bao tamén lembrou que un dos aspectos a valorar e polo que se apoia ao Burela FS é “polo seu carácter comarcal, erixindo un proxecto de promoción deportiva que supera ao ámbito municipal xa que as actividades que se desenvolven arredor do club moven a máis de 200 nenos e nenas de toda a comarca, á vez que afianzan a integración familiar”.

José Ramón González Casas, pola súa banda, agradeceu a visita do vicepresidente da Deputación e a inestimable axuda que a entidade lucense recibe da súa Área de Deportes, ao mesmo tempo que aproveitou para felicitar a este organismo polo seu traballo, “apoiando as asociacións e clubs lucenses, en prol da dinamización e potenciación da práctica do deporte na comarca mariñá e en toda a provincia”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores