Noticias
9 de febreiro de 2010
O Burela FS organizará a final da Copa Galega de Balompé coa Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña

O CD Burela FS colaborará coa Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña na organización da fase final da IV Copa Galega de Balompé ‘Todos polo Fútbol’, que terá lugar na vila burelá a finais de xuño. Así o anunciou esta tarde a presidenta do colectivo comarcal, Iris Castro, durante o acto de entrega de material deportivo por parte do club nas oficinas laranxas.

Xunto a Iris Castro, os directivos do club Antonio Rodenas e Marcelino Luna recibiron a María José Nóvoa, coordinadora do centro en Burela, e Manuel Boullosa, monitor deportivo, para facerlles entrega do equipamento que o conxunto da asociación, A Mariña FS, lucirá na competición autonómica de fútbol sala.

A Copa Galega de Balompé, impulsada por FEAFES Galicia dentro do seu programa de Ocio e Deporte, arrancará o 23 de febreiro cunha primeira fase ligueira, na que participarán 10 asociacións da comunidade, ademais da mariñá: Doa, Porta Nova, Lar, Lenda, APEM Carballo, APEM Coruña, APEM Cee, APEM Cambre, Morea Ourense e Morea O Barco. Tras os enfrontamentos como locais e visitantes, os conxuntos veranse as caras en Burela na gran final.

Iris Castro mostrouse ilusionada coa oportunidade que lles brindou FEAFES Galicia para acoller a Copa e agradeceu “a inestimable colaboración prestada polo CD Burela, sen a cal non poderían asumir a organización da final galega”, sen esquecerse do apoio da Deputación de Lugo e do Concello de Burela. Pola súa banda, Marcelino Luna expresou a satisfacción do club pola posibilidade de “promover o deporte en igualdade a través deste proxecto” e puxo á disposición de ‘Todos polo Fútbol’ e das iniciativas da asociación mariñá toda a infraestrutura do CD Burela FS, tanto material coma humana.

No presente exercicio, o CD Burela FS formalizou a nutrida colaboración coa Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña das últimas tempadas. No marco de actuación do convenio asinado entre ambas as dúas partes, os/as integrantes da asociación comarcal dispoñen de pases gratuítos para presenciar os encontros dos primeiros equipos laranxas, en Prata e Honra. Ademais, os xogadores e xogadoras tamén realizan visitas e participan en xornadas de convivencia cos socios/as do colectivo.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores