Noticias
11 de febreiro de 2010 Foto: Azkar Lugo
O Burela FS triunfa no I Trofeo Entroido de Viveiro, ante o Azkar Lugo

O Burela FS impúxose onte ao Azkar Lugo no I Trofeo Entroido de Viveiro. O espectáculo goleador brillou no encontro entre os dous mellores equipos de fútbol sala masculino da provincia luguesa. O asubío final chegou no momento máis intenso, con 5-5, un resultado que os laranxas desempataron na quenda de penaltis, alzándose co título desta primeira edición, organizada por Puerto Celeiro FS e con parte da recadación destinada á reconstrución de Haití.

A cita comezou con dominio burelista e unha temperá materialización de Javi Rodríguez (minuto 1), con frecuentes ocasións dos mariñaos, metidos de cheo no partido. Paulatinamente ambos os conxuntos foron atopando a comodidade na pista, que se reflectiu co empate dos transportistas grazas a Adri, faltando cinco minutos para o descanso. Non obstante, Dani Martín foi o encargado de pechar a primeira parte recuperando a vantaxe laranxa (2-1) nos últimos segundos.

Coa reanudación, o Burela FS conseguiu a renda de 3-1; os pupilos de Suso Rey seguiron na busca do gol e foi o capitán, Juanma, quen o atopou, batendo o meta lugués de tiro cruzado. A reacción do Azkar veu protagonizada por Mimi, artifíce do empate (minutos 26  e 30). Nos últimos dez minutos, co xuvenil Juan baixo os paus, o conxunto laranxa continuou no seu empeño goleador, porén os tranportistas adiantáronse no marcador por primeira vez e o encontro converteuse nun tirapuxa. A solvencia do Mariskal volveu emerxer para a igualada, 4-4, a tres minutos do remate. Nos compases finais e tras o tanto de Miguel, Revilla deulle novos azos ao equipo mariñán (5-5), que aínda gozou dunha clarísima oportunidade nas zapatillas de Javi Rodríguez antes do derradeiro asubío.

Na quenda de penaltis, o lanzamento de Miguel ao traveseiro apartou os lugueses do trofeo.

O capitán laranxa recolleu o título de campión das mans do concelleiro de Deportes de Viveiro, Jesús Antonio Fernández Cal, e o directivo do CD Burela FS, José Luís Sáez Castro, foi o encargado de entregar o trofeo de segundo clasificado ao Azkar. 


Ficha técnica
 
Burela FS 5 (3): Edu, Purao, Revilla, Javi Rodríguez e Juanma, no cinco inicial; tamén xogaron Dani Martín, André, Adrián, Jacobo e Juan.

Azkar Lugo FS 5 (2): Óscar, Mimi, Miguel, Adri e De Bail, no cinco inicial; tamén xogaron Juampe, Beto, Hugo, Keita e Solloso.

Goles: 1-0, min. 1, Javi Rodríguez; 1-1, min. 15, Adri; 2-1, min. 20, Dani Martín; 3-1, min. 22, Juanma; 3-2, min. 26, Mimi; 3-3, min. 30, Mimi; 3-4, min. 33, De Bail; 4-4, min. 37, Juanma; 4-5, min. 40, Miguel; 5-5, min. 40, Revilla.

Quenda de penaltis: Adri (erro), Revilla (erro), Mimi (gol), Javi Rodríguez (gol), De Bail (erro), Juanma (gol), Solloso (gol), Dani Martín (gol) e Miguel (erro).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores