Noticias
12 de febreiro de 2010
Oportunidade de ouro para o Burela FS na xornada de descanso

O Burela FS dispón dunha oportunidade de ouro na xornada de descanso da División de Prata para tocar o liderado do Grupo Norte. O luns 15 (21.00 horas) o conxunto de Suso Rey disputará en Vista Alegre a primeira xornada da segunda volta, ante o BP Andorra, aprazada en xaneiro por un temporal.

Coincidindo coa parada do resto dos rivais, esta cita pode proporcionarlles aos laranxas o salto da segunda á primeira praza, posto que son só tres puntos os que os afastan do Grupo de Empresas Talavera e teñen o golaverage particular a favor.

En terras pirenaicas, o Burela FS puido impoñerse sen demasiadas complicacións (2-4), no entanto, neste reencontro o BP Andorra chegará cun cadro renovado; as baixas de Dantas, Ignasi e Gordillo foron suplidas no mercado de inverno polos brasileiros Carlinhos e Paulinho. Un remedio que ata o momento parece que está funcionando, xa que non perderon ningún encontro da segunda volta (Colegios Arenas Gáldar 0-0, Avilés Hollywood 5-3 e OE Ram León 1-4).

As rotacións burelistas sentirán a ausencia de Christian nesta cita, cunha sobrecarga no cuadríceps. Minu será dúbida ata última hora; o cordobés sufriu unha escordadura leve de nocello a comezos da semana.

Purao tampouco poderá disputar o encontro ante os andorranos; o peche hispano-brasileiro cumprirá a sanción dun partido de suspensión imposta pola RFEF  por encararse cun xogador do Camping-El Escorial, na xornada pasada; no conxunto madrileño foron amoestados Dani Mejías, Orol e Rubén Sánchez cun encontro e Antonio Calvo con dous.

 

Entroido e solidariedade

Todas aquelas persoas que acudan disfrazadas ao pavillón Vista Alegre poderán presenciar o partido Burela FS-BP Andorra de forma gratuíta. O club laranxa repartirá premios para os mellores disfraces. Na categoría de grupos, o gañador poderá gozar dun tradicional cocido na Parrillada de Jandro (máximo 10 comensais); en parellas, o premio será unha noite para 2 persoas na casa rural A Fiallega (cea, aloxamento e almorzo); e o mellor disfrace individual (menores de 16 anos) recibirá un equipamento completo do Burela FS, doado por Living Sport.

Nesta cita, o club burelista tamén habilitará unha zona do pavillón para a recollida de material sanitario, colaborando coa iniciativa da Federación Galega de Doadores de Sangue para axudar aos damnificados do terremoto de Haití. Todas as persoas que así o desexen poderán contribuír coa achega de vendas, gasas, esparadrapo, tiras adhesivas, guantes, máscaras, iodo, antisépticos, antiinflamatorios, paracetamol, aspirinas ou algodón. O seu destino serán os hospitais das cidades de Limani, Barahona y Azua.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores