Noticias
19 de febreiro de 2010
O Burela FS defenderá o liderado na pista cacereña

Ao Burela FS tocaralle defender mañá a primeira praza do Grupo Norte de Prata ante o Extremadura Cáceres 2016, undécimo clasificado. O partido comezará ás 17.30 horas, no pavillón multiúsos Ciudad de Cáceres.

O empate co Grupo de Empresas Talavera (40 puntos), segundo clasificado, condiciona o papel dos laranxas na meseta para a vixésimo primeira xornada, que deberán loitar pola vitoria para conservar a primeira praza.

Os burelaos saltarán á pista cacereña como favoritos non só pola distancia de 17 puntos na táboa e o resultado a favor na primeira volta (4-3), senón tamén pola traxectoria máis recente de ambos os conxuntos; mentres que os de Suso Rey encadean tres vitorias consecutivas, os estremeños só conseguiron 1 punto, ante o Camping-El Escorial (2-2), nas cinco xornadas da segunda volta. No outro enfrontamento que reuniu o Burela FS e o Cáceres 2016 no presente exercicio, o XIX Trofeo Cáceres Patrimonio da Humanidade, o triunfo tamén caeu do lado galego (2-4).

Christian será de novo baixa nas filas laranxas, pola súa sobrecarga de  cuadríceps. Perigará a presenza de Minu e Javi Rodríguez, que non puideron adestrar en toda a semana; o cordobés continúa minguado por unha escordadura leve de nocello e a perla canaria sofre molestias na cadeira tras un golpe ante o BP Andorra.

No podio Norte, o Grupo de Empresas Talavera recibirá o Colegios Arenas Gáldar, cuarto clasificado (31), e o Gijón-El Llano (36) medirase ao Illescas, quinto (31).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores