Noticias
19 de febreiro de 2010
Vista Alegre recibe o feroz Cajasur Córdoba, como segundo clasificado

O Vista Alegre prepara para mañá un dos encontros máis emocionantes para o Burela FSF Pescados Rubén na liga. Defendendo a cuarta praza con 36 puntos, as laranxas recibirán o Cajasur Córdoba, campión da División de Honra en 2008-09 e segundo clasificado (45) na actualidade, que desafiará a boa campaña das pupilas de Javier Pardeiro.

A partir das 18.30 horas, a bomboneira acollerá un duelo que os medios  nacionais especializados cualifican como o destacado na vixésima xornada da máxima categoría. E non é para menos, posto que as laranxas poden gabarse de ser as únicas capaces de vencer as andaluzas na liga; con 3-4, as laranxas racharon os dous anos de fortín cordobés. Con estes antecedentes o reencontro promete.

Para o cadro de Pardeiro a vitoria ante o Cajasur significou o primeiro sopro de aire fresco no seu debut en Honra, o punto de partida para a mellora continua. Para as andaluzas, o devandito resultado foi a única pedra no seu camiño cara ao liderado, xunto aos pequenos tropezos ante o Femesala Elche (2-2), que desbancou ao Cajasur da primeira praza hai dúas xornadas, o Logroño (1-1) e o UCAM Murcia (4-4).

O Burela FSF enfrontarase mañá a un dos seus maiores retos ante un dos rivais de máis calidade, para poder manter a súa actual cuarta posición en detrimento do Atlético de Madrid Navalcarnero e UCAM Murcia, que son quinto e sexto respectivamente, con 34 puntos.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores