Noticias
20 de febreiro de 2010
O Burela perde o liderado tras un empate amargo en Cáceres

O Burela FS deixou escapar dous puntos, e o liderado, na súa visita ao Extremadura Cáceres, onde cultivou un empate (3-3) con sabor a derrota. O equipo laranxa saltou á pista cacereña con autoridade e seguridade en todas as súas accións; pola súa banda os cacereños estaban desorientados ante a eficaz presión laranxa e as súas continuas chegadas.

A recompensa burelense chegou da man de Dani Martín; no minuto 10, o estilete laranxa abriu a lata local e no minuto 16 puxo o 2-0 cun lategazo que sacou as arañeiras da escuadra defendida por Borja. A bucina do descanso foi un bálsamo para o Cáceres, que logrou saír sen maiores danos deste envite pola escasa eficacia mostrada polo Burela, que gozou de numerosas ocasións para sentenciar o choque.

No segundo acto, o argumento do choque mantívose intacto ata que Víctor, minuto 28, conseguiu transformar un discutible penalti (1-2) que animou a afección local. A resposta laranxa non tardou en chegar e Javi Rodríguez anestesiou o pavillón (1-3) ao culminar unha brillante xogada colectiva no segundo pau.

Os cacereños estaban a piques de baixar os brazos ante a superioridade visitante pero, no minuto 35, o decorado variou cando Javi Rodríguez foi expulsado, inxustamente, con vermella directa. O Burela defendeu ben a superioridade numérica pero, a falta de 12 segundos para a recuperación do seu xogador, apareceu de novo Víctor para marcar o 2-3. A tres minutos para a conclusión os cacereños optaron polo porteiro-xogador e, do mesmo xeito que anteriormente, lograron o seu botín a escasos segundos do final. Pablo Ángel conseguiu marcar o 3-3 que supuxo a repartición de puntos nun partido marcado polo contraste na eficacia goleadora de ambos os conxuntos. 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores