Noticias
22 de febreiro de 2010
FS A Mariña estrea o Campionato FEAFES Galicia mañá ante Porta Nova

O equipo da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, FS A Mariña, comeza mañá a súa andadura no IV Campionato de Fútbol Sala de FEAFES Galicia ‘Todos polo Fútbol’; será ás 16.30 horas, no pavillón Monte Castelo de Burela, ante o Porta Nova, de Ferrol.

Media hora antes, as intalacións deportivas acollerán a presentación do campionato, cuxa fase final se desenvolverá en Burela a finais de xuño, coa colaboración do CD Burela FS. Xunto a Iris Castro, presidenta do colectivo mariñán, o acto contará coa presenza de autoridades locais, membros do club laranxa e representantes do equipo ferrolán.

‘Todos polo Fútbol’ 2010 terá unha primeira fase ligueira, na que participarán 10 asociacións galegas, ademais da mariñá: Doa, Porta Nova, Lar, Lenda, APEM Carballo, APEM Coruña, APEM Cee, APEM Cambre, Morea Ourense e Morea O Barco. Tras os enfrontamentos como locais e visitantes, os conxuntos veranse as caras en Burela na gran final.

O CD Burela FS poñerá á disposición do equipo anfitrión toda a súa infraestrutura para acoller a final ‘Todos polo Fútbol’, mantendo a súa habitual liña de  colaboración coa Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores