Noticias
22 de febreiro de 2010 Foto: Azkar Lugo
A Deputación de Lugo recibe a Manu, Turero e Brais como campións de España

A Deputación Provincial de Lugo ofreceu unha recepción na mañá de hoxe aos xogadores do CD Burela FS Manuel Jiménez, Rubén García ‘Turero’ e Brais García, xunto aos transportistas Iago Míguez, Antonio Diz e Jandri Míguez, polo seu recente título de campións de España con Galicia Sub-20.

Os xogadores foron recibidos polo vicepresidente Primeiro, Antón Bao, e o deputado da Área de Deportes, Antón Veiga, no Pazo de San Marcos, nun acto ao que tamén asistiron o deputado do Partido Popular José María González Barcia e os xerentes do CD Burela FS, Juan Carlos Modia, e do Azkar Lugo FS, Óscar Hermida.

Antón Bao expresou no nome da Deputación de Lugo “a satisfacción que produce comprobar como as canteiras de ambos os dous clubs están a dar xogadores que poden participar na nosa selección e ao mesmo tempo chegar a altas cotas no fútbol sala”. Así mesmo, Bao destacou que “é este o traballo que debemos agradecer e o que debemos potenciar nos clubs deportivos da provincia de Lugo, un traballo de base que dea lugar a que xogadores lucenses estean disputando as máis altas competicións en calquera disciplina deportiva”.

Pola súa banda, Antón Veiga felicitou “a estes rapaces do Burela FS e do Azkar que formaron parte da Selección Galega Sub-20 e tamén aos seus clubs e a todos aqueles clubs que traballan no deporte base en xeral”. O deputado nacionalista salientou que “é un orgullo para a Área de Deportes da Deputación que estes rapaces nos representen e que sexa a través da selección galega” e animounos a seguir traballando e progresando no deporte para que no día de mañá xoguen na selección galega absoluta de fútbol sala.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores