Noticias
24 de febreiro de 2010
FS A Mariña inaugura a IV Copa Galega de Balompé con vitoria

O equipo de fútbol sala da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, FS A Mariña, inaugurou onte a IV Copa Galega de Balompé ‘Todos polo Fútbol’ no pavillón burelao Monte Castelo, con vitoria 5-0 ante o Porta Nova de Narón.

Coincidindo con esta primeira xornada, a asociación mariñá fixo a presentación oficial do campionato autonómico, que en 2010 disputará a fase final na vila burelá en colaboración co CD Burela FS, o Concello e a Deputación Provincial de Lugo. Xunto á presidenta do colectivo comarcal, Iris Castro, participaron no acto o alcalde de Burela, Alfredo Llano; a tenente de alcalde, Neves Cando; as concelleiras de Sanidade e de Educación, Sonia Fraga e Lucía Bouza; o directivo do club laranxa Marcelino Luna e a representante do Porta Nova Sara Fernández.

A cuarta edición de ‘Todos polo Fútbol’ reunirá a 11 equipos galegos. Doa, Porta Nova, Lar, Lenda, APEM Carballo, APEM Coruña, APEM Cee, APEM Cambre, Morea Ourense, Morea O Barco e FS A Mariña participarán nunha primeira fase ligueira, con partidos de ida e volta, ata o mes de maio. A finais de xuño reencontraranse na final que organizará a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña en Burela.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores