Noticias
26 de febreiro de 2010
O cadro de Suso Rey recibe o irregular Illescas, na quinta praza

O Burela FS recibe o irregular Illescas FS na vixésimo segunda cita do Grupo Norte de Prata, un conxunto que con continuos altibaixos conseguiu facerse coa quinta posición (31 puntos) e loita por coarse nos postos de play-off.

A partir das 18.30 horas, o Vista Alegre acollerá un duelo da metade alta da táboa, no que para calquera das dúas escuadras a vitoria supón moito máis que tres puntos; supón un pasiño máis cara á tan ansiada fase de ascenso. Os laranxas pelexan por conservar a súa actual segunda praza, ostentada por 41 puntos, dous máis có Gijón-El Llano, que é terceiro, e dous menos có líder, Talavera. Os toledanos están empatados co Colegios Arenas Gáldar, que ocupa a última posición, a cuarta, con privilexio de play-off.

Os burelistas chegan a esta cita co sabor agridoce dun empate inmerecido (3-3) en terras cacereñas. Pola súa banda, os toledanos intentarán desquitarse da derrota en Gijón (6-2). Na primeira volta, o triunfo recaeu nas arcas laranxas (1-2).

Suso Rey poderá contar de novo con Christian, apartado das pistas nas dúas últimas semanas por unha sobrecarga de cuadríceps. Quen non poderá participar será Javi Rodríguez, que cumprirá o único partido de suspensión imposto pola RFEF debido á súa expulsión en Cáceres.

Homenaxe Sub-20. O CD Burela FS renderalles tributo aos seus xogadores Turero, Brais e Manu polo recente título de campións de España acadado con Galicia, o 14 de febreiro no Campionato Nacional de Seleccións Territoriais Sub-20 (Santiago de Compostela). A xunta directiva homenaxeará os protagonistas da gran fazaña coa entrega duns trofeos conmemorativos nun acto previo ao encontro Burela FS-Illescas FS. 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores