Noticias
2 de marzo de 2010
Recepción oficial para os campións de España Sub-20 no concello de Burela

Os xogadores do Burela FS Manuel, Turero e Brais foron recibidos no consistorio burelao esta mañá polo alcalde, Alfredo Llano, e a concelleira de Deportes, Neves Cando, nunha homenaxe polo recente título de campións de España acadado coa Selección Galega Sub-20, o pasado 14 de febreiro. Os burelistas acudiron ao acto acompañados dos directivos da entidade Marcelino Luna e José Luís Sáez e do director da escola deportiva, Alfonso Mera.

Alfredo Llano e Neves Cando felicitaron os deportistas laranxas pola súa brillante traxectoria co combinado autonómico e agasalláronos con diversos obsequios institucionais, ao mesmo tempo que os animaron a seguir recollendo éxitos para o fútbol sala burelao e galego. Pola súa banda, Alfonso Mera tamén quixo recoñecer o traballo de Brais, Turero e Manuel, “que ao longo dos seus anos de aprendizaxe na escola deportiva do CD Burela FS souberon formarse tanto deportiva coma persoalmente, cun futuro, de seguro, prometedor”.

Tras o acto oficial, que tivo lugar no salón de plenos, xogadores, representantes do club e autoridades locais participaron nunha foto conmemorativa.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores