Noticias
10 de marzo de 2010
Sesión maxistral do Burela FSF coas alumnas do colexio Vista Alegre

O fútbol sala feminino de elite coouse hoxe pola mañá no colexio burelao de Vista Alegre a través da experiencia do Burela FSF Pescados Rubén. As xogadoras Claudia e Souza, a gardameta Irene e o segundo adestrador do equipo, Marcelo Santoro ‘Neco’, xunto ao directivo do club José Luís Sáez, compartiron unha clase maxistral coas rapazas de cuarto de primaria, continuando así o ciclo de visitas da entidade laranxa aos centros de ensino e escolas deportivas iniciado a comezos de 2010.

O técnico burelista falou dos moitos atractivos e beneficios que posúe o fútbol sala, ademais de facer referencia á extraordinaria tempada que está realizando o equipo na División de Honra Feminina, e convidou os pais das alumnas para asistir ao encontro entre o Burela FSF e o Pinto Cellosa Torrejón do vindeiro sábado. A charla deu paso a unha sesión práctica no pavillón Vista Alegre, onde as nenas se familiarizaron con fundamentos tácticos como control e pase de balón, ademais de realizar lanzamentos a portería. Un pequeno partido puxo o peche a este primeiro encontro de fútbol sala feminino de base.

Mañá será a quenda para as alumnas de quinto e sexto de primaria do mesmo centro, que se achegarán ás marabillas futbolísticas cos consellos de Claudia e Souza, acompañadas do director da EDM Burela FS, Alfonso Mera.

Esta é a segunda visita que o CD Burela FS realiza dentro do seu programa de promoción do fútbol sala 2010 entre os máis novos/as. A primeira foi á escola deportiva de Mondoñedo, en xaneiro, onde unha trintena de rapaces e rapazas adestraron co técnico do primeiro equipo masculino, Suso Rey, o segundo preparador do Burela FSF, o ala Javi Rodríguez e a porteira Jozi. 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores