Noticias
11 de marzo de 2010
Xornada de descanso, sen riscos para a segunda praza laranxa

O Burela FS gozará esta fin de semana da súa xornada de descanso, a vixésimo cuarta do Grupo Norte de Prata, sen riscos para a súa actual segunda praza.

Os pupilos de Suso Rey poden respirar tranquilos na súa parada ligueira; 45 puntos, con vantaxe de seis sobre os xixoneses –que aínda non descansaron-, proporciónanlles a suficiente seguridade para manter o seu status e continuar na tentativa de reducir distancias sobre a cabeza da táboa.

O conxunto burelista aproveitará este período para reforzar xogadores para a recta final, como Revilla, Minu e Christian, que arrastraban molestias nos últimos encontros.

No podio Norte, o líder talaverano (49 puntos) visitará este sábado o duodécimo clasificado, OPDE Ribera Navarra (24), e o terceiro, Gijón-El Llano (39), desprazarase á pista do BP Andorra (31), que é sexto.

Despois dunha semana sen adestramentos, o cadro laranxa regresará ao traballo o vindeiro luns, 15 de marzo, para preparar a próxima cita na competición, do día 20. En Vista Alegre (18.30 horas), o Burela FS recibirá o propietario provisional do último billete para o play off de ascenso, o Golegios Arenas Gáldar (35); os canarios ocupan a cuarta praza, con tres puntos de vantaxe sobre o seu rival máis próximo, o Illescas, ao que se enfronta esta semana en duelo directo.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores