Noticias
24 de marzo de 2010
Vista Alegre acollerá un amigable benéfico entre Galicia e Libia o 29 de marzo

O pavillón burelao Vista Alegre acollerá un amigable entre as seleccións de Galicia e Libia o vindeiro luns 29 de marzo, a partir das 21.00 horas, coa organización da Federación Galega de Fútbol e coa colaboración do CD Burela FS. O encontro, de carácter benéfico, destinará a recadación para a reconstrución de Haití polo terremoto sufrido no pasado mes de xaneiro.

A Selección Galega Absoluta de Fútbol Sala volverá reunirse baixo as ordes do transportista Bruno García e do burelista Javier Pardeiro, despois do seu debut en 2008 ante Uruguai, para medirse ao actual campión de África, que dirixe o galego Pablo Prieto, ex-director deportivo do Azkar Lugo.

O prezo das entradas será de 3 euros, para todos os afeccionados/as maiores de 16 anos. Todas as persoas interesadas poderán acceder á venda anticipada, dende mañá pola tarde, nas oficinas do CD Burela FS (avenida Arcadio Pardiñas, número 97, entresollado, Burela). A venda en Vista Alegre abrirase unha hora antes do comezo do partido.

O de Burela será o terceiro amigable para o combinado libio na súa viaxe por terras españolas. O cadro de Pablo Prieto enfrontouse onte ao Arcebansa Zamora, da División de Honra, noutra cita benéfica por Haití, con resultado en contra por 7-1. Hoxe, a selección autonómica da Federación Galega de Fútbol Sala será o rival dos africanos en Guitiriz, ás 20.00 horas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores