Noticias
26 de marzo de 2010
O Burela FSF buscará os tres puntos fronte ao Teldeportivo antes de internarse na Copa de España

O Burela FSF Pescados Rubén buscará esta fin de semana os últimos tres puntos ligueiros, antes da xornada de descanso e de internarse na XVI Copa de España, fronte ao Teldeportivo FSF Preconte. Vista Alegre acollerá mañá o encontro entre as burelás, na sétima praza (39), e as canarias, na décimo terceira (13), a partir das 19.00 horas.

A vixésimo cuarta xornada de Honra reunirá na bomboneira dous noveis na categoría con traxectorias ben dispares. Mentres as laranxas conseguiron a clasificación para a Copa de España (Ourense, 9-11 abril) e loitan na metade alta da táboa, as insulares pelexan pola permanencia, na antepenúltima posición.

Despois de encadear dous resultados en contra, unha vitoria podería garantirlles ás burelistas a estabilidade entre as mellores antes de gozar da súa xornada de descanso e de afrontar a parada ligueira para disputar a Copa. O cadro de Pardeiro lida nun treito moi apertado entre o quinto e o oitavo posto (Atlético de Madrid Navalcarnero, 41 puntos; Diamante Rioja e Pescados Rubén, 39; e Valladolid FSF, 38) e non se pode permitir moitos máis erros se quere manterse por riba do ecuador clasificatorio.

O Burela FSF, que xa se impuxo nas illas por 2-3, parte como favorito ante o Preconte, un rival frouxo que tan só computa un triunfo como visitante, ante o Pinto Cellosa Torrejón (2-5).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores