Noticias
30 de marzo de 2010
Espectáculo en Vista Alegre con triunfo galego (5-2) ante Libia

A Selección Galega Absoluta de Fútbol Sala regresou ao parqué onte, en Vista Alegre, cun novo éxito, ante Libia (5-2), animada pola fiel afección da Mariña. No encontro organizado pola Federación de Fútbol autonómica, Galicia dominou de comezo a fin, cos laranxas Juanma e Revilla no cinco inicial; o gardameta Edu tamén tivo os seus minutos de gloria, defendendo a camiseta autonómica parte do primeiro e segundo período.

Aínda que foron os libios os que se adiantaron no marcador no minuto 4, pouco lles durou a ledicia aos pupilos de Pablo Prieto. A selección africana non puido frear o potencial irmandiño, a pesar do xogo un tanto agresivo dalgún dos seus integrantes. Á chegada do descanso, no que se sortearon dez lotes de material deportivo doado pola Federación Galega de Fútbol, o resultado xa vaticinaba o remate, con 4-1.

No reinicio, Libia tentou meterse de novo no partido co 4-2, pero o combinado galego non lle deu opción e sentenciou o partido cun magnífico lanzamento de penalti executado por Pablo Iglesias, a cinco minutos para o final. O cadro de Pablo Prieto optou pola saída do porteiro-xogador sen fortuna.

En torno a 600 seareiros/as presenciaron o bo xogo do combinado dirixido polo burelista Javier Pardeiro e o pronista, Bruno García, cuxa recadación se destinará aos damnificados de Haití, a través da Cruz Vermella. Na bancada estiveron presentes o responsable da Área de Deportes da Deputación de Lugo, Antón Veiga; o secretario da Federación Galega de Fútbol, Diego Batalla; o presidente e o coordinador xeral do Comité de Árbitros de Galicia, José García Cabreros e Jacinto Artigas; ademais do alcalde de Burela, Alfredo Llano, e a concelleira de Deportes, Neves Cando.

 

Ficha técnica

Galicia: Toni, Juanma, Revilla, Manu e David, no cinto inicial; tamén xogaron Juan Puertas, Víctor Prado, Pablo Iglesias, Pana, Luis, Edu García, Hugo, Edu Saavedra e Canoli.

Libia: Fatah, Rahoma, Suleiman, Hamdi e Yousef, no cinco inicial; tamén xogaron Haimen e Sami.

Goles: 0-1, minuto 4, Yousef; 1-1, minuto 6, Juan Puertas; 2-1, minuto 7, Pana; 3-1, minuto 11, Hugo; 4-1, minuto 16, David; 4-2, minuto 23, Suleiman; 5-2, minuto 35, Pablo Iglesias (penalti).

Árbitros: Martínez Torres e Cid Bragado (Galicia)

Incidencias: Tarxetas amarelas para Suleiman (minuto 30) e Rahoma (minuto 33).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores